viernes, 12 de junio de 2015
Musica - Galicia
Diario La Voz de Galicia
Aló polos finais dos 80 nacía en Zas a asociación Castro-Meda, unha das que teñen máis pouso histórico na comarca. Non podían faltar os gaiteiros desta entidade no Festifolk Costa da Morte e dende alí virán uns cinco. Fernando Nieto (Zas, 36 anos), ademais de secretario de Castro-Meda, é profesor de gaita. Explica que o grupo de gaiteiros naceu máis ou menos parello ao de baile, un pouco como apoio a este, pero que axiña se comezaron a dar clases. Daqueles primeiros tempos, nos que Nieto empezou como alumno, queda só el, mais agora, e dende xa hai uns quince anos, está do outro lado.
-Tivo que empezar ben novo como profesor, porque aínda o é.
-Pois debín de acabar o instituto e empezar xa a dar clases. Aquí primeiro había unha banda de gaitas que non estaba na asociación. Logo empezouse xa co baile e a propia asociación trouxo un profesor de gaita, pasando a integrarse aquela banda. O profesor era Bieito Romero, e estivo dous anos. O de baile era Quique Peón, que estivo uns quince. Despois de Bieito, como profesor de gaitas, veu Xabier Díaz, e estivo uns catro ou cinco anos. Eu formeime cos dous, e logo, tras marchar Xabier, xa me puxen eu. Así fomos avanzando ata o grupo de gaitas que temos hoxe en día.
-Pois menudos antecesores tivo.
-Si, pensándoo así friamente...
-¿E o tramo da idades da banda?
-Temos dende algún integrante de 16 ou 17 anos ata outros de 38 ou 40, que tamén se van anotando.
-¿Pode entón sumarse xente?
-Si, agora remata o curso, sería para o que vén, en outubro. Temos ensaios un día á semana.
-¿Como ve a idea do Festifolk?
-Loxicamente, paréceme moi ben. É algo que non se fai habitualmente, algo diferente, quitando as investiduras de Fraga [ri]. Fanse foliadas e así, pero isto é distinto. íA ver como sae! Ver a tantos gaiteiros tocando xuntos na praza, sobre todo o Himno do Antigo Reino de Galicia, que é así máis solemne, pode ser chulo e quedar moi bonito.
-Dende a súa perspectiva como alumno e mestre, ¿como ve a evolución da música tradicional?
-Houbo un baixón haberá uns dez anos, pero parece que agora, duns cinco anos para aquí, se está retomando. Coma en todo, hai xente que se apunta e non segue, xente que vai e volve... Aquí en Zas anótase xente de 35 ou 40, que ou ben o deixaran antes, ou incluso outros que veñen de novo, porque así o queren, non porque sexa algo de adolescencia, nin dunha tolemia de ?vou facer algo?. Van en serio, mercan a gaita...
-¿Como andan de actuacións?
-Acompañamos moito ao grupo de baile e, logo, por nós sós, como banda de gaitas, temos un par de actuacións ao ano: Carballeira, Semana Cultural, a Festa dos Maiores... Esas son fixas. Temos ido tamén a algunha romaría: Santa Margarida de Muíño, Rus... Vodas tamén temos dúas ou tres ao ano, depende.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Favor de dejar su comentario para APEA